Convocada a XII Asemblea Xeral da Asociación Cultural Fillos de Galicia

No día de hoxe convócase a asemblea ordinaria de socios, que se celebrará como habitualmente, por medio de Internet na nosa lista privada de correo de socios.

Comezará o día 6 de Febreiro de 2012 e terá como orde do día  os seguintes puntos (provisional):

1.- Presentación do estado de contas e informe da xestión da actual Xunta Directiva.
2.- Votación e aprobación se procede, dos informes de contas e de xestión.
3.- Presentación de candidatos a cargos directivos.
4.- Debate sobre a situación xeral da asociación hoxe.
5.- Debate sobre o funcionamento de Fillos 5.0: Pros e contras
6.- Presentación dunha estimación de ingresos e gastos a cargo da Directiva .
7.- Outras cuestións presentadas polos socios.
8.- Votación para a elección da nova Directiva.

Con vistas a esta asemblea a nosa Xunta Directiva quere facer un duplo chamamento:

  1. Aos socios actuais para que colaboren para poñer ao día o pagamento das súas cotas e así poder participar.
  2. A todos os interesados, membros de Fillos, simpatizantes e colaboradores, para que se unan á nosa asociación como socios antes do día 5 de febreiro para así poder participar con plenos dereitos nas decisións e poder presentarse a cargos directivos, facer propostas e —en definitiva— formar parte  de Fillos de Galicia.

As persoas interesados en participar como novos socios deben poñerse en contacto con presidencia ARROBA fillos PUNTO org o antes posible, para indicar os medios de realizaren o pagamento da súa cota a tempo para participaren como socios na XII Asemblea Xeral.

Na categoría Fillos de Galicia | Leave a comment

3º curso de inicio ó Galego

Ola a todos:
Hoxe queda aberto o periodo de inscripcións para o 3º curso de iniciacón ó galego que  comezará a primeiros do vindeiro mes de Setembro polo tanto dende hoxe ata a final do Agosto queda aberto o prazo de inscrición para o antedito curso.
O curso durará 17 semanas nas que se lles enviará ós inscritos a primeiros de cada semana o material que constará de 1 ou varios capítulos de gramática, exercicios relacionados con estes capítulos, vocabulario, etc. maila solución ós exercicios da derradeira semana.
O curso e o material material para el non terá custe para os subscritores, é totalmente gratis.

Tedes que enviar un e-mail cos vosos datos: nome, apelidos e enderezo de correo onde volo podamos enviar a: aprendendogalego@fillos.org
Esperamos os vosos e-mails

Crisanto

Na categoría Fillos de Galicia | 1 Comentario

Amañado un problema co Taboleiro

Desde a nosa mudanza a Blogaliza algúns membros de Fillos estaban a ter problemas que impedían a súa participación no Taboleiro contestando ou abrindo temas novos.

Comunícannos desde Blogaliza que xa identificaron cal era o problema e está amañado. Así que agora agardamos que se recupere o ritmo de participación neste o noso principal medio de comunicación entre membros da Comunidade Virtual.

Na categoría Fillos de Galicia | Coas etiquetas , , , | Leave a comment

Aprazado o comezo da XI Asemblea: será o 17 de Xaneiro

Para dar tempo a xestionar o novo sistema de cobro das cotas de socios e para facilitar a realización dunha pequena campaña de captación de novos socios, a Directiva da nosa asociación decidiu aprazar unha semana o comezo da XI Asemblea de socios.

Aínda estás a tempo de te unires a nós se queres participar no futuro de Fillos de Galicia! Se estás interesada/o escribe a secretaria ARROBA fillos PUNTO org.

Na categoría Fillos de Galicia | Leave a comment

Tres visións sobre a traxectoria e o futuro de Fillos de Galicia

CasdeiroCrisantoGoretoxoO xornalista Marcos Pérez Pena ven de publicar en Planeta Galego unha serie de entrevistas con tres persoas que teñen moito que ver nesta etapa de transición en Fillos de Galicia. Podedes lelas en PlanetaGalego: con Goretoxo (responsable de Blogaliza), con Crisanto (presidente da nosa asociación) e mais con Casdeiro (fundador de Fillos).

Cada un de nós dá nesas entrevistas un repaso ao que ven significando Fillos e aos retos que afrontamos como colectivo nesta etapa unha vez superado un par de anos de críticas dificuldades técnicas, organizativas e económicas.

Na categoría Fillos de Galicia | Leave a comment

Aprobada unha modificación do sistema de cotas na nosa asociación

Os socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia vimos de aprobar unha modificación no sistema de pagamento das cotas de socio, que será importante ter en conta sobre todo para os novos socios que queiran entrar de cara á XI Asemblea Xeral que ha comezar o 10 de Xaneiro de 2011. Velaquí un resume da mudanza aprobada:

Xa non se admitirá pagamento con tarxeta

Debido aos problemas técnicos derivados do paso a Fillos 5.0, e en concreto á discontinuidade da tenda online ata o de agora ubicada en http://www.galeuros.com, xa non se admitirá o pagamento mediante tarxeta de crédito.

Pagamento das cotas de socio mediante labor voluntario:

As persoas que colaboren como voluntarias facendo algún tipo de labor non remunerado dentro da asociación como p.ex. redactar artigos para a Biblioteca, procurar familiares, realizar labores de xestión, etc. poderán solicitar á Xunta Directiva (escribindo a calquera dos seus membros, preferentemente o Secretario ou Presidente) pagar a súa cota con galeuros, explicando na súa solicitude cal foi o labor desenvolto: a propia Xunta autorizará a emisión de tantos galeuros como coste a cota en cada momento, a súa entrega á persoa voluntaria e a súa inmediata aplicación ao pagamento da cota. É dicir, todas as persoas que non dispoñan doutro medio de pagamento da cota poderán facelo mediante labor voluntaria. A Xunta Directiva avaliará en cada caso se o labor realizado é suficiente e equivalente como mínimo a tantas horas de labor como coste a cota dividido entre 10. P.ex. se a cota son 30 euros, a persoa voluntaria deberá ter adicado a labores de Fillos cando menos 3 horas. Se é rexeitada a solicitude, a persoa poderá apelar achegando a testemuña de cando menos outro socio máis. A segunda avaliación realizada pola Directiva será inapelable. O rexeitamento poderá ser por considerar que non se ten feito un labor suficiente o que o seu interese e achega á asociación non é de suficiente valor.

Unha persoa que teña feito un labor voluntario de máis de esas N horas (cota/10) poderá solicitar o pagamento da cota doutros socios, a maiores da dela. P.ex. se unha socia ten feito aproximadamente 9 horas de labor, e a cota é de 30 euros, poderá pedir o pagamento con ese labor da súa cota e máis a doutras 2 persoas máis. Por este medio tamén se poderán pagar cotas de novos socios.

A estes efectos non se considerará labor voluntario pagable en galeuros o feito polos cargos directivos no cumprimento das súas funcións estatutarias.

Resumo de medios de pagamento admitidos

Aceptaranse como medios de pagamento:

  • (en euros) o ingreso ou trasferencia bancaria nas contas da asociación
  • (en euros) a domiciliación bancaria (é a forma máis custosa para a asociación xa que emitir domiciliacións implica un custo para nós)
  • (en euros) o envío de cheques a nome de Asociación Cultural Fillos de Galicia (tamén é unha forma moi custosa para nós)
  • (en galeuros) a orde cursada ao administrador dos galeuros de aplicar tantos galeuros como sexa a cota en cada momento

Pagamento de todas as cotas en Xaneiro

Para simplificar o labor administrativo as cotas pagaranse a partir de agora con independencia da data en que entrara cada socio na asociación. É dicir, se un socio entrou o 25 de xullo, ata o de agora debía pagar antes do seguinte 25 de xullo a seguinte cota. Agora todos os socios deberán pagar entre o 1 e o 9 de Xaneiro. Nestas datas deberán facerse as domiciliacións, os ingresos, ordes en galeuros ou solicitudes de considerar pago por labor voluntario.

Como o artigo 19 dos Estatutos indica que non se adquire a condición de socio/a ata que se paga a cota, isto implica que o pagamento da primeira cota se poderá e deberá facer en calquera momento, pero que —con independencia de cando sexa— a seguinte se terá que pagar na primeira decena de Xaneiro. Isto poderá facilitar a concentración das campañas de afiliación a principios de ano ou xusto un pouco antes.

Importe da cota

A cota de socio non será modificada ata a celebración da XI Asemblea, na que se procederá a votar sobre un novo importe que sería cobrado na remesa do 2012. A renovación que se efectuará xusto antes da XI Asemblea, será polo importe actual, é dicir, 30 euros ou 30 galeuros.

Como facerse socia/o?

Para solicitar a alta como socio/a é preciso dirixirse a secretaria ARROBA fillos PUNTO org, indicando o medio de pagamento elexido.

Na categoría Fillos de Galicia | 1 Comentario

Convocada a XI Asemblea Xeral da Asociación Cultural Fillos de Galicia

Hoxe a nosa directiva aprobou a convocatoria de asemblea ordinaria de socios, que se celebrará como habitualmente, por medio de Internet na nosa lista privada de correo de socios.

Ha comezar o día 10 de Xaneiro de 2011 e terá como orde do día (provisional) os seguintes puntos:

  1. Presentación do estado de contas e de xestión da actual Xunta Directiva.
  2. Votación e aprobación se procede, dos informes de contas e de xestión.
  3. Votación do novo importe da cota de socios.
  4. Debate acerca da nova etapa que se abre para Fillos. Presentación de propostas aberta a todos os socios, para o plan de actuación 2011. Presentación dunha estimación de ingresos e gastos a cargo da Directiva saínte.
  5. Presentación de candidatos aos cargos directivos.
  6. Votación para a elección da nova Directiva.

Con vistas a esta asemblea a nosa Xunta Directiva quere facer un duplo chamamento:

  1. Aos socios actuais para que colaboren para poñer ao día o pagamento das súas cotas e así poder participar.
  2. A todos os interesados, membros de Fillos, simpatizantes e colaboradores, para que se unan á nosa asociación como socios antes do día 9 para así poder participar con plenos dereitos nas decisións e poder presentarse a cargos directivos, facer propostas e —en definitiva— facer parte desta nova etapa de Fillos de Galicia.

Para potenciar a participación de novas persoas, a nosa asociación vai debater unha posible rebaixa no importe das cotas [é atribución estatutaria da Asemblea Xeral e xa que logo non se pode votar fóra dela] e unha simplificación no proceso de pagamento, axeitada á nova etapa que abrimos como Fillos 5.0. En canto estea tomada unha decisión ao respecto, comunicaremos aquí o resultado.

As persoas interesados en participar como novos socios deben poñerse en contacto con secretaria ARROBA fillos PUNTO org o antes posible, para indicar os medios de realizaren o pagamento da súa cota a tempo para participaren como socios na XI Asemblea Xeral.

Na categoría Fillos de Galicia | 3 Comentarios

Corrixidos fallos de visualización da Parcelaria.com

A Parcelaria de FillosDentro do noso paulatino proceso de restauración de contidos e servizos tras a migración feita no paso a Fillos 5.0, vimos de volver á normalidade a páxina principal da Parcelaria Virtual pola Cultura Galega. Aínda así este proxecto está conxelado xa que non se actualizaron nin prezos nin se realizou labor para a venda das parceliñas correspondentes á anualidade Febreiro-2010 a Febreiro-2011. A situación da nosa organización e a falta dos recursos técnicos e humanos necesarios situaron este, como outros proxectos nosos, nunha situación de parálise ao longo deste último ano.

Agardamos no futuro poder recuperar esta vía de financiamento para a nosa asociación e de promoción para os nosos colaboradores. Polo de agora segue a presentar aos últimos participantes, ata que poidamos poñer de novo en marcha a venda de espazos para atraer novos amigos parcelistas.

Na categoría Fillos de Galicia, Parcelaria Virtual pola Cultura Galega | Leave a comment

Recuperamos o Atopadoiro

Como vimos de anuncios no blog dos Reencontros, despois de case 2 meses sen funcionar, hoxe demos restaurado o funcionamento da nosa base de datos para a procura familiar, que xa superou os 4.000 rexistros de familias que se están a buscar.

Agardamos que os problemas técnicos fiquen de contado totalmente amañados e poidamos volver recibir as boas novas dos reencontros.

Na categoría Fillos de Galicia | Leave a comment

Reorganizamos a columna dereita do noso web

Tamén hoxe amañamos os erros que presentaban as fontes RSS que temos na columna dereita. Ademais a partir de agora estas fontes, que ofrecen un atallo á actualidade participativa da nosa comunidade virtual (últimos comentarios, últimas mensaxes no Taboleiro, últimos anuncios clasificados…), estarán máis visibles na parte superior da columna dereita do blog. A sección que trasmitía as ligazóns de Debulla.info identificadas para Navegaliza (ligazóns de interese para a Diáspora) foi retirada xa que por algún motivo desapareceron estas ligazóns.

Na categoría Fillos de Galicia | Leave a comment