Chamamento aos poetas galegos do mundo!

A nosa Asociación vai editar o mes que ven o seu terceiro libro: unha Antoloxía Poética Pangalaica. Se es aficionado/a a escribir, coñece as bases desta convocatoria e envíanos os teus textos antes do 25 de Outubro.

Bases da convocatoria para a escolma “Antoloxía Poética Pangalaica”

O noso obxectivo é realizar a edición e difusión dun libro que recolla diversos traballos literarios (principalmente poemas e outras obras líricas) escritos por descendentes de galegos, galegos emigrados e persoas que colaboren ou estean implicadas dalgún xeito co proxecto Fillos de Galicia e/ou a galeguidade mundial.

Os traballos poderán estar en calquera lingua, tendo preferencia os traballos escritos en lingua galega; no caso de non estar en galego, a súa temática deberá obrigatoriamente estar relacionada con Galiza e/ou os galegos e serán publicados acompañados da súa tradución ao galego.

Priorizaranse na selección aquelas obras que fomenteen e promovan a igualdade entre homes e mulleres e denuncien calquera discriminación, directa ou indirecta, por razón de sexo.

Tamén se poderán admitir obras da chamada poesía visual ou gráfica.

O título provisional desta obra é ”Antoloxía Poética Pangalaica”.

Existirá un comité seleccionador das obras, nomeado pola nosa Xunta Directiva, que serán enviadas por medio de Internet tras esta convocatoria. Tras unha fase de deseño e maquetación, farase unha tirada económica pero de calidade da obra e unha difusión por medio de Internet e doutros medios ao noso alcance.

A edición será venal, non como nos casos dos nosos libros anteriores, para así permitir un financiamento adicional das nosas actividades por medio da súa venda, pero si que se procurará un prezo moi económico para facilitar a súa difusión.

Así e todo, un certo número de exemplares serán reservados para ser agasallados, nomeadamente a institucións públicas, os propios participantes (autores) e entidades galegas da diáspora.

A difusión realizarase:

  • Por medio do portal Fillos.org, o portal máis visitado da diáspora galega. Estará a venda na súa tenda online.
  • Por medio de agasallos remitidos por correo postal a diversas entidades.
  • Por medio da súa venda noutros lugares de distribución de libros: librarías galegas, BiblosClube.com, etc.

Os autores mediante o envío das súas obras ceden os dereitos para esta edición á Asociación Cultural Fillos de Galicia e entenden que non recibirán un pagamento en metálico, aínda que si recibirán un exemplar da obra cando estea editada.

Os envíos débense realizar a xestor ARROBA fillos PUNTO org antes do día 25 de Outubro de 2007. A data prevista de edición é 30 de Novembro de 2007.

A extensión ou número dos poemas é libre, aínda que o comité seleccionador poderá escoller entre os enviados por cada autor.

Xunto cos poemas a antoloxía incluirá unha breve reseña de cada autor indicando a súa relación con Galiza ou coa nosa Comunidade Virtual.

As obras enviadas poderán ser inéditas ou non.

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia. Garda a ligazón permanente.