10 anos de Fillos de Galicia

Cando estamos a piques de rematar o ano no que Fillos de Galicia fixo o seu X aniversario, ofrecémosvos un resume dos fitos principais da historia desta Comunidade Virtual, chea de esforzos e ilusión compartida con milleiros de galegos trasterrados!

O comenzo de Fillos de Galicia foron diversas páxinas que Manuel Casal Lodeiro (Casdeiro) fora publicando no seu web personal. Un proxecto que el mesmo definiu como “unha creación personal que empezou en 1997 e que foi implicando a centos (hoxe milleiros) de personas en todo o mundo. A miña motivación cando creei o que se denominou Fillos de Galicia foi axudar a eses galegos de corazón, esa outra xente que naceu fóra de Galicia coma min, pero que se sinte interesada pola cultura e a terra dos seus pais, nais, avós e avoas… ou porque queren reencontrarse con eses familiares cos que teñen perdido o contacto…

A finais de 1997 dálle o nome de Fillos de Galicia a ese pequeno conxunto inicial de páxinas baixo unha filosofía común. Empeza a recibir frecuentes mensaxes de apoio e un número crecente de visitas durante 1998, 1999… sobre todo nas páxinas do Taboleiro, que se van enchendo con mensaxes de búsqueda de familiares.

Velaquí un resumo da nosa actividade desde aquela, ano a ano:

2000

  • En febreiro créase a lista FILLOS-Lpara tratar temas como a recuperación das nosas raíces galegas, a difusión da cultura, a aprendizaxe da lingua, o intercambio de experiencias, a búsqueda de parentes, etc.” segundo rezaba a mensaxe de invitación que se enviou a unhas 40 personas coas que contactara previamente: foron os primeiros usuarios rexistrados en Fillos.
  • Empeza a busca de financiamento contactando con diversas empresas, busca que non rematou de dar os resultados agardados e que aínda hoxe continúa.
  • En abril chegan noticias do primeiro reencontro familiar producido gracias a Fillos de Galicia: unha dominicana, muller dun fillo de galegos falecido, atopa á súa familia galega. O primeiro dunha longa lista de reencontros (máis de 50 a día de hoxe).
  • No verán Fillos de Galicia pasa a ser unha entidade legal, en forma de asociación cultural, para dar soporte ó seu previsible crecemento inmediato. Manuel Casal Lodeiro e outros 2 socios constitúen a asociación na cidade da Coruña.
  • Nova sección: “A Nosa Voz” onde se publican as colaboracións dos distintos membros.
  • No outono dese mesmo ano as necesidades técnicas cada vez maiores obrigan ao traslado a un hosting independente, onde se comeza a usar o dominio fillos.org.
  • O incremento no número de usuarios levou a unha maior carga nas labores de administración. É por iso que en setembro, e durante un ano, pagouse a a unha persona por horas para encargarse delas e para axudar na introdución de novos contidos.
  • En decembro, fíxose necesario que Manuel Casal Lodeiro solicitase unha reducción de xornada na empresa na que traballaba como consultor de Internet, para poder dedicar máis tempo ao proxecto Fillos de Galicia.

2001

  • En setembro, a administración de Fillos de Galicia queda outra vez en situación precaria e na Asemblea de Socios celebrada nos meses de novembro e decembro decidíuse que se debía buscar como solución paliativa, unha distribución óptima do traballo entre os diversos voluntarios na medida en que fose posible, proceso que apenas puido ser iniciado.

2002

  • Nos-Tamen.org: Plataforma reivindicativa pola inclusión dos fillos e netos da emigración no espacio social, cultural e político galego. Quedou sen chegar a ser desenvolta.
  • AMorteDaCosta.info: Web para informar á emigración sobre o desastre do Prestige.

2003

  • Planeta-Galego.org: Revista on-line, ven a sustituír á antiga “A Nosa Voz”.
  • Novo servizo de envío de certificados de nacemento.
  • Na Asemblea Xeral de Socios, decidíuse dar unha solución á precariedade dando un arriscado paso adiante: alugar un local onde traballaría a partir de entón unha nova persona en funcións auxiliares.

2004

  • GaliciaEmigrante.info: Buscador de recursos sobre a emigración.
  • RedeGalega.org: Dirixido a ONG’s galegas, asociacións, fundacións ou calquera outro tipo de entidade sen ánimo de lucro galega, ofrece asesoramento e servizos para Internet. Foise convertindo desde entón nunha fundamental fonte de financiamento.
  • NaveGaliza.info: Recompilador de sitios de Internet interesantes entre o mellor da Internet Galega.
  • O noso creador, Manuel Casal gana o premio “Galeguidade” de ensaio coa obra “O papel de internet na conservación da cultura e identidade” que ven sendo unha defensa teórica da necesidade dun lugar como Fillos de Galicia.
  • Exitosa campaña de recollida de libros galegos “Un libro galego para os fillos que están lonxe” sorteados despois entre os usuarios. A falta de financiamento tennos aínda a día de hoxe sen posibilidade de enviarmos a maioría dos 1.400 libros que nos foron doados.
  • Posta en marcha da tenda on-line onde vendermos para contribuir ao noso financiamento, todo tipo de produtos relacionados con Fillos e con Galicia.
  • Na Asemblea celebrada aquel ano fixéronse pequenos avances para organizar o traballo dos voluntarios mais non se puido avanzar na delegación de importantes tarefas.
  • A finais deste ano, Manuel Casal Lodeiro deixa a empresa na que traballaba para adicarse en exclusiva e de maneira profesional, á xestión de Fillos de Galicia, dado que non houbo outro candidato, coa aprobación dos socios.

2005

  • Galeguidade.net: Proxecto destinado aos Centros Galegos, Casas de Galicia, Asociacións Culturais e outras entidades da Galicia exterior co obxectivo de facilitarlles medios para comunicarse entre sí e con Galicia, tal e como o viñan reclamando. Adiantouse a proxectos semellantes creados máis tarde polas institucións.
  • Emisións de Radio Aturuxo o día 24 de xullo co gallo das festas do Día de Galicia.
  • Aquel ano foron dúas as personas contratadas en Fillos de Galicia. Ademais contouse coa inestimable axuda dun grupo de voluntarios en labores de deseño gráfico, na procura de financiamento, na actualización e xestión do Atopadoiro, na xestión de novas en Galeguidade.net e no contacto cos novos visitantes.

2006

  • Parcelaria.com: Proxecto posto en marcha co fin de obter financiamento, mediante a venda de parcelas virtuais dun mapa de Galicia.
  • Saen á luz os galeuros a primeira moeda virtual (electrónica) galega.
  • Emisión especial de radio online o 17 de maio titulada “Cen acentos, cen cores” co gallo do Día das Letras Galegas que recolle un mosaico das voces galegas con todos os acentos nos que se fala a nosa lingua no mundo, que len diversas obras da literatura galega.
  • Sae á luz A Nosa Voz, un libriño antolóxico que recolle os 50 artigos publicados entre 2001 e 2003 na sección do mesmo nome.
  • A Asociación é recoñecida como Centro Colaborador da Secretaría Xeral da Xunta de Galicia, comezando así unha nova etapa nas difíciles relacións coa administración galega.
  • Na Asemblea celebrada este ano apróbase a proclamación da Nación Mundial Galega, como un conxunto de persoas que comparten a mesma orixe étnica e o mesmo sentimento de ser galegos e cunha bandeira que a identifica.

2007

  • NoticiasDeGalicia.org: Ofrece titulares ligados coa actualidade galega de Internet actualizada ao momento.
  • Como unha evolución do anterior nace o Planeta Galego de Titulares, unha forma cómoda e rápida de ver dunha soa ollada todas as novas da Galicia mundial.
  • En agosto do 2007 e debido aos problemas técnicos causados polo medre nas visitas, cámbiase a un novo servidor adicado máis potente, e supérase por primeira vez o millón de páxinas vistas diariamente.
  • Radio Aturuxo: Unha experiencia de radio online de Fillos de Galicia posta en marcha durante todo o mes de maio co gallo do día das Letras Galegas (e o Día de Internet).
  • eTIqueTAL.com: Web de contactos persoais basado na semántica.
  • Editamos un novo libro ”Antoloxía poética da diáspora galega”, unha escolma de traballos literarios escritos por descendentes de galegos, galegos emigrados e persoas que colaboren ou estean implicadas dalgún xeito co proxecto Fillos de Galicia e/ou a galeguidade mundial.
  • Este ano demos superado os 5.000 membros, cun espectacular medre do 25% en 9 meses. E seguirá medrando! Larga vida a Fillos de Galicia.
Esta entrada foi publicada en contidos, Fillos de Galicia. Garda a ligazón permanente.

0 respostas a 10 anos de Fillos de Galicia

  1. FRIDAMARGA di:

    PARABÉNS A FILLOS DE GALICIA !

    SAÚDOS AOS FACEDORES!

  2. FRIDAMARGA di:

    Animo-vos a tomarem esta ligação http://chuza.org/ para CHUZAR esta notícia!

    Toca a CHUZAR!

  3. gallaecia di:

    Esperemos que este maravelloso proxecto siga con nós por moitísimos anos máis. Achega a cada galego e galega, de dentro e fora da terra, e fainos estar preto estando fisicamente tan lonxe.
    É un auga freda e clara nuns días de negras sombras, un ar puro e doce que fai que o camiño sexa máis doado de camiñar.
    A cada un dos compoñentes desta fantástica organizazón unha aperta grande e agarimosa dende o máis profundo do meu corazón.