A ponte virtual sobre o Atlántico (Xornal de Galicia)

http://www.xornal.com/artigo/2009/02/18/1-m/a-ponte-virtual-sobre-o-atlantico/2009021800405200040.html

A páxina web fillosdegalicia.com é “o oitavo centro galego que hai no mundo”

Cris Souto / XORNAL.COM I A Coruña.- A máis antiga e poboada comunidade virtual da emigración galega está ao fío da actualidade, pendente das inminentes eleccións. Creada “hai xa doce anos” polo actual secretario, Manuel Casal Lodeiro, fillosdegalicia.com naceu “como unha forma de ter unha representación da diáspora en internet”, segundo explicou o seu xestor, Óscar Gabriel Ledesma. “Internet é o reflexo da sociedade –conta–, a galeguidade está presente en todo o mundo, así que era natural que algo así existira”.

Arxentino de nacemento pero “galego de Noia”, actualmente Gabriel vive neste concello coruñés e estuda Dereito na USC. “Ser galego é moito máis que estar en Galicia. Eu na outra beira do charco ía ao centro galego da miña comarca e Galicia sempre estivo presente na miña familia”, di. Coma el, moitos galegos emigrados comparten debates políticos vía e-mail e a través do taboleiro da web, “que é unha das formas de comunicación dos nosos membros”, onde “comenzamos a falar un pouco das eleccións, a xente ponse paixonal, é importante para nós”. Ledesma asegura que lles “molesta moito” cando non poden votar porque, di, “é unha forma de pertencer. Non podemos ser esquecidos só por estar lonxe”.

Fillos.org (diferente dominio da mesma web) conta con 6.361 usuarios rexistrados e 48 socios, converténdose, “en número de membros, no oitavo centro galego do mundo”. De feito, funciona como tal, ofertando, sobre todo, servizos culturais e, incluso, reencontros familiares. Por exemplo, “Daniela fixo un anuncio coa súa historia no noso taboleiro e outro membro da nosa comunidade, Xosé, vivía no mesmo concello de Bos Aires, así que foi buscar as persoas da súa familia. Esta muller pasou de non saber onde estaba a súa familia a vivir o reencontro dous días despois. É moi bonito”.

O principal proxecto en marcha agora é a creación dunha biblioteca dixital “non só para ter libros de autores galegos en dominio público, senón para poder recoller todo ese patrimonio cultural intanxible que son as historias dos nosos avós, de como se viviu a emigración”.

Fillos no Xornal de Galicia

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia, Fillos nos medios. Garda a ligazón permanente.