O desmantelamento de Fillos de Galicia

Tal e como foi aprobado na asemblea extraordinaria de socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia (ACFdG) que rematou este pasado domingo día 20 de Xuño, procedemos a lanzar a seguinte convocatoria para o desmantelamento de Fillos de Galicia.

Motivos

Dado que o proceso denominado Un futuro para fillos fracasou no seu obxectivo principal, que era atopar entidades que se fixesen cargo dos proxectos da nosa asociación…

Dado que os motivos de fondo daquela proposta lonxe de se amañaren, téñense agravado co tempo trascorrido desde entón, e a nosa asociación segue a carecer dos recursos humanos e económicos precisos para seguir a se facer cargo deses proxectos…

Dado que temos débedas ás que facer fronte, nomeadamente con ex-traballadores e colaboradores que nos teñen axudado ao longo destes anos co seu traballo e esforzo…

…a nosa Asociación lanza á sociedade galega a seguinte

Oferta

Poñemos á venda as seguintes propiedades:

Comunidade Virtual Fillos de Galicia

  • Non inclúe o Atopadoiro.
  • O comprador non poderá usar o nome de Fillos de Galicia para esta comunidade para evitarmos a confusión coa asociación cultural Fillos de Galicia, que polo de agora seguirá a existir, e tampouco se vende o seu dominio fillos.org. Deberá mudarlle por tanto o nome á comunidade virtual.
  • Si inclúe:
    • A base de datos de usuarios (máis de 6.900 a data de hoxe).
    • As listas de correo Rolda (FILLOS-L), Noticias-L e boletín de refráns, incluíndo as súas listaxes de subscriptores e arquivos de mensaxes existentes.
    • Sistema WordPress MU agás os blogs actualmente existentes.
    • Taboleiro e os seus contidos (tamén nas súas versións vellas).
    • Bate-papo e os seus contidos.
    • Álbume de fotos (Galería).
  • Debe quedar claro que os contidos enviados polos usuarios neses apartados da comunidade virtual (Taboleiro, Galería, Batepapo, listas, etc.) son propiedade intelectual dos seus autores e que unicamente se trasmite a cesión do dereito de publicación na comunidade virtual en cumprimento das normas vixentes da mesma, así como os propios contidos no formato en que están agora publicados nela.
  • Quedan excluídos desta venda a imaxe corporativa de Fillos (logotipos, etc.) e outras creacións gráficas da ACFdG que poidan existir na comunidade virtual.
  • Queda excluído tamén calquera outro contido ou código de programación presente no servidor www.Fillos.org.

O Atopadoiro (base de datos para o reencontro familiar)

  • Inclúe o dominio atopadoiro.org e a base de datos.

eTIqueTAL

  • Inclúe dominio etiquetal.com e contidos.

Debulla

  • Inclúe dominio debulla.info e contidos.

Wiki da nacionalidade

  • Ubicado en Nacionalidad-Espanola.info.
  • Véndese o dominio xunto cos contidos actuais.

Galeguidade.net

  • Véndese o dominio pero non os contidos actuais.

Planeta-Galego.info

  • Véndese o dominio pero non os contidos actuais.

RedeGalega.org

  • Soamente inclúe o dominio.

Outros dominios

  • Segundo a listaxe xa publicada anteriormente, aínda que sen ter en conta os prezos mínimos que alí se indicaban.
  • Esa lista será completada de contado, xa que faltaban algúns dominios nela.

PC e outro material informático

  • Será descrito en breve.

Obxectivo

Os obxectivos que procuramos con esta nova convocatoria son:

  • darlle continuidade aos proxectos que conforman esas propiedades, pero xa noutras mans
  • obtermos fondos para pagar as débedas da asociación
  • se obtermos fondos sobrantes tras pagar esas débedas, darlle continuidade a aqueles proxectos que non sexan vendidos
  • se sobran fondos, doalos a outros proxectos sociais e culturais galegos que os nosos socios decidan apoiar

Prazo

O prazo límite para recibirmos ofertas será o día 10 de Xullo de 2010 ás 24 h (GMT+1).

Maneira de presentar as ofertas

As persoas ou entidades interesadas nalgunha das propiedades que poñemos á venda deberán facernos chegar un email a secretaria ARROBA fillos.org antes da data devandita, indicando:

  • Que propiedade(s) lle interesa(n).
  • Que oferta económica fan por elas (admitiranse ofertas por calquera cantidade, mesmo por 0 euros).

Posteriormente, na asemblea que comezará o día 11 de Xullo de 2010 os socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia procederán a:

  • Optar entre as ofertas presentadas.
  • Decidir o destino dos fondos obtidos.
  • Votar sobre a posible disolucion da Asociación.

Outros aspectos da convocatoria

A nosa asociacion fai un chamamento aos posibles acredores a que nos fagan chegar a ese mesmo enderezo de e-mail as posibles reclamacións económicas que teñamos pendentes de pagamento, para estudar o seu pagamento a partir dos fondos obtidos.

Tamén fai un chamamento para que as persoas e entidades que deban diñeiro á ACFdG procedan á súa vez a pagalas o antes posible, para contribuír a nós pagarmos o que debemos.

A Xunta Directiva da ACFdG poderá modificar estes termos ao longo do periodo en que estea aberta a convocatoria para corrixir ou completar datos.

A Xunta Directiva foi capacitada pola Asemblea de socios para interromper o proceso aquí descrito se durante o mesmo recibe ou atopa outra opción para a supervivencia de Fillos de Galicia que considere permitirá manter os obxectivos e modos de funcionamento idóneos da asociación, da comunidade virtual e dos demais proxectos.

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia. Garda a ligazón permanente.