Aprobada unha modificación do sistema de cotas na nosa asociación

Os socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia vimos de aprobar unha modificación no sistema de pagamento das cotas de socio, que será importante ter en conta sobre todo para os novos socios que queiran entrar de cara á XI Asemblea Xeral que ha comezar o 10 de Xaneiro de 2011. Velaquí un resume da mudanza aprobada:

Xa non se admitirá pagamento con tarxeta

Debido aos problemas técnicos derivados do paso a Fillos 5.0, e en concreto á discontinuidade da tenda online ata o de agora ubicada en http://www.galeuros.com, xa non se admitirá o pagamento mediante tarxeta de crédito.

Pagamento das cotas de socio mediante labor voluntario:

As persoas que colaboren como voluntarias facendo algún tipo de labor non remunerado dentro da asociación como p.ex. redactar artigos para a Biblioteca, procurar familiares, realizar labores de xestión, etc. poderán solicitar á Xunta Directiva (escribindo a calquera dos seus membros, preferentemente o Secretario ou Presidente) pagar a súa cota con galeuros, explicando na súa solicitude cal foi o labor desenvolto: a propia Xunta autorizará a emisión de tantos galeuros como coste a cota en cada momento, a súa entrega á persoa voluntaria e a súa inmediata aplicación ao pagamento da cota. É dicir, todas as persoas que non dispoñan doutro medio de pagamento da cota poderán facelo mediante labor voluntaria. A Xunta Directiva avaliará en cada caso se o labor realizado é suficiente e equivalente como mínimo a tantas horas de labor como coste a cota dividido entre 10. P.ex. se a cota son 30 euros, a persoa voluntaria deberá ter adicado a labores de Fillos cando menos 3 horas. Se é rexeitada a solicitude, a persoa poderá apelar achegando a testemuña de cando menos outro socio máis. A segunda avaliación realizada pola Directiva será inapelable. O rexeitamento poderá ser por considerar que non se ten feito un labor suficiente o que o seu interese e achega á asociación non é de suficiente valor.

Unha persoa que teña feito un labor voluntario de máis de esas N horas (cota/10) poderá solicitar o pagamento da cota doutros socios, a maiores da dela. P.ex. se unha socia ten feito aproximadamente 9 horas de labor, e a cota é de 30 euros, poderá pedir o pagamento con ese labor da súa cota e máis a doutras 2 persoas máis. Por este medio tamén se poderán pagar cotas de novos socios.

A estes efectos non se considerará labor voluntario pagable en galeuros o feito polos cargos directivos no cumprimento das súas funcións estatutarias.

Resumo de medios de pagamento admitidos

Aceptaranse como medios de pagamento:

  • (en euros) o ingreso ou trasferencia bancaria nas contas da asociación
  • (en euros) a domiciliación bancaria (é a forma máis custosa para a asociación xa que emitir domiciliacións implica un custo para nós)
  • (en euros) o envío de cheques a nome de Asociación Cultural Fillos de Galicia (tamén é unha forma moi custosa para nós)
  • (en galeuros) a orde cursada ao administrador dos galeuros de aplicar tantos galeuros como sexa a cota en cada momento

Pagamento de todas as cotas en Xaneiro

Para simplificar o labor administrativo as cotas pagaranse a partir de agora con independencia da data en que entrara cada socio na asociación. É dicir, se un socio entrou o 25 de xullo, ata o de agora debía pagar antes do seguinte 25 de xullo a seguinte cota. Agora todos os socios deberán pagar entre o 1 e o 9 de Xaneiro. Nestas datas deberán facerse as domiciliacións, os ingresos, ordes en galeuros ou solicitudes de considerar pago por labor voluntario.

Como o artigo 19 dos Estatutos indica que non se adquire a condición de socio/a ata que se paga a cota, isto implica que o pagamento da primeira cota se poderá e deberá facer en calquera momento, pero que —con independencia de cando sexa— a seguinte se terá que pagar na primeira decena de Xaneiro. Isto poderá facilitar a concentración das campañas de afiliación a principios de ano ou xusto un pouco antes.

Importe da cota

A cota de socio non será modificada ata a celebración da XI Asemblea, na que se procederá a votar sobre un novo importe que sería cobrado na remesa do 2012. A renovación que se efectuará xusto antes da XI Asemblea, será polo importe actual, é dicir, 30 euros ou 30 galeuros.

Como facerse socia/o?

Para solicitar a alta como socio/a é preciso dirixirse a secretaria ARROBA fillos PUNTO org, indicando o medio de pagamento elexido.

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Aprobada unha modificación do sistema de cotas na nosa asociación

  1. Pingback: Aprazado o comezo da XI Asemblea: será o 17 de Xaneiro | Fillos de Galicia

Os comentarios están pechados.