O Taboleiro de Fillos volve á vida! Inauguramos con el a nosa etapa 6.0

Hoxe temos o pracer de comunicarvos que a Comunidade Virtual de Fillos recupera o seu punto central de debate e comunicación entre os nosos case 7.000 membros: o Taboleiro, é dicir, os nosos foros de sempre.

Captura no novo Taboleiro de Fillos de GaliciaDespois dun tempo desactivados en Blogaliza (lembrade que foran integrados nos foros de Blogaliza como parte da migración efectuada en 2010 que conformou a nosa etapa Fillos 5.0), debido á perda do servizo de foros desta plataforma, decidimos restauralos pola nosa conta partindo da versión previa, é dicir da do 2010. Desta maneira recuperamos a Comunidade Virtual en si, xa que en Blogaliza nunca se chegou a recrear o grupo de usuarios, aínda que si se importaran as mensaxes e fíos nun foro específico, e polo tanto Fillos como tal rede social ficara nun limbo do que non daba saído.


Taboleiro I (1997) → Tab. II → Tab. III → Tab. IV (2005) → Taboleiro V (2010)
                                                         ↓
                                                          → Taboleiro VI (2014)

Isto quere dicir que, despois de 4 anos coa nosa Comunidade Virtual desactivada a efectos de comunicación entre os membros e debate, na que estivemos limitados aos nosos blogs, á nosa veterana lista de debate Rolda/FILLOS-L, e á nosa presenza en Facebook (que non deixou de medrar, tendo nestes momentos máis de 3.600 seguidores), hoxe por fin podemos dicir que Fillos de Galicia volve á vida, nunha nova etapa de formato máis sinxelo e clásico (foros, é dicir, Taboleiro), pero que esperamos sexa máis estable e permanente.

Tedes no propio Taboleiro un fío onde falarmos dos detalles desta restauración, no que vos convidamos a deixar a vosas impresións. Por suposto todos os antigos membros teñen o mesmo acceso, co mesmo nome e contrasinal que usaban na etapa Fillos 4.0 (ata finais de 2010), pero se non lembran o acceso mediante o propio sistema poderán recuperar o contrasinal. Tamén convidamos por suposto a todas as persoas que desde 2010 se foron achegando ás páxinas dos nosos blogs, á nosa páxina den Facebook, etc. a que se rexistren no novo Taboleiro para se converteren en membros oficiais da nosa Comunidade Virtual: agora ser usuario/a do Taboleiro será equivalente a ser membro de Fillos, xa que non haberá outro proceso de rexistro diferente. No Taboleiro atoparedes todos os temas clásicos de debate en Fillos, centrados en Galiza e tamén outros, e moitísima información que fomos xuntando durante anos alí (máis de 15.000 mensaxes!!) e que agora volve por fin estar accesible grazas aos esforzo dos nosos técnicos.

Agradecemos a paciencia infinita dos nosos milleiros de membros por esta travesía do deserto que hoxe vén rematando, e agardamos recuperar a actividade e o debate no noso Taboleiro, na nosa nova rede social Fillos 6.0, da que iremos dando novas noticias nos vindeiros días. Benvidas e benvidos de novo! 🙂

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia e etiquetada , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a O Taboleiro de Fillos volve á vida! Inauguramos con el a nosa etapa 6.0

  1. casdeiro di:

    Tamén, dentro do proceso de recuperación do funcionamento do Taboleiro, vimos de corrixir as fontes de redifusión RSS que aparecían na columna dereita deste mesmo blog. Agora poderedes ver, antes de entrar no Taboleiro, cales son os últimos temas que se están a debater nel. Tamén aproveitamos para corrixir a fonte RSS dos galeuros. Iremos pouco a pouco avanzando nas melloras e amaños diversos que conformarán esta nova etapa Fillos 6.0. Grazas polos avisos que nos poidades dar para irmos mellorando entre todos 🙂

Os comentarios están pechados.