Novamente se poden conseguir os libros de Fillos nunha tenda online!

Despois de que quedara desactivada a nosa propia tenda online hai uns anos, debido aos problemas técnicos e a que non tiñamos persoal para a atender en condicións, non era sinxelo conseguir os libros publicados pola nosa asociación.

capt-tenda-online-touda-libros-fillos-de-galicia-XIRADO-ESCURECIDOPorén, temos unha moi boa nova! Desde o pasado día 1 de setembro novamente existe unha maneira cómoda, práctica e segura para calquera persoa conseguir os nosos libros: na nova tenda online da Asociación Touda (que ten axudado a Fillos de Galicia nestes últimos anos con diversos labores técnicos e editoriais), pódense atopar todos os nosos títulos dispoñibles. A maioría son de balde (aínda que limitados á xente da nosa Diáspora) e algún hai que pagalo, e en todos os casos as persoas que os desexen recibir terán que pagar os custos de envío, pero o importe é sumamente económico, especialmente se o destino está dentro do Estado Español.

Se querías conseguir algún exemplar de Xantares galegos, Nomes Galegos, O papel de Internet na conservación da cultura e identidade galegas entre os descendentes dos emigrantes ou a Antoloxía poética da diáspora galega, agora telo máis doado que nunca. Ademais, este ano, que a Xunta de Galicia nos denegou as axudas solicitadas para facer o envío gratuíto das nosas publicacións, cobra máis importancia ca nunca ter un sistema cómodo e práctico como este. As e os compradores poderán pagar mediante trasferencia bancaria ou ben por medio de tarxeta bancaria (con pagamento seguro).

Esperamos que vos alede como a nós esta nova e damos as grazas aos amigos de Touda por incorporaren os nosos títulos ao seu catálogo online 🙂

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.