Poñemos en marcha a campaña #LiricaGastroNimica para financiar os envíos de libros deste ano

#LiricaGastroNimica

Hoxe ás 15:00 (hora galega) desvendouse o misterio tras a etiqueta que circulaba desde onte nas redes sociais: #LiricaGastroNimica.

O porqué da #LíricaGastroNímica

Neste 2016, por 1ª vez desde 2002, a Xunta de Galicia deixou Fillos de Galicia —a entidade pioneira no uso de Internet para tender pontes coa nosa diáspora— sen ningunha axuda económica. As nosas solicitudes de subvención (para gastos de funcionamento e para realizar envíos gratuitos de libros) foron rexeitadas baseándose en que non figuramos inscritos nun novo rexistro do que eles mesmos nos eliminaron.

logo-secretaria-xeral-emigracion-liricagastronimicaXa que a administración que se supón debe velar pola difusión da nosa cultura e identidade entre os galegos e descendentes que residen fóra do país, concede 0 euros para os envíos dos nosos libros, decidimos acudir, como fixeramos en 2013 (daquela para ampliar o alcance dun envío que si subvencionaran parcialmente), a todas as persoas de dentro de fóra de Galiza, comprometidas de verdade coa nosa identidade e coa conservación da galeguidade no exterior, para que sexan elas as que financien os envíos, que queremos ampliar a varios dos títulos que levamos publicado.

Hai 3 anos a xente da plataforma de crowdfunding Verkami sorprendíanse de que os mecenas galegos puidesen poñer cartos para enviar unhas recompensas en forma de libros que non lles chegarían a eles senón a descoñecidos, moitas veces a milleiros de km de distancia, aos que só unía a pertenza a iso que chamamos “a Nación Mundial” galega. E ducias de persoas demostráronlles que cando se trata da diáspora galega, a xenerosidade dos galegos e galegas, sen importar onde naceran, non mira recompensas particulares, senón apoiar e financiar os pequenos ou grandes fitos colectivos da trasmisión cultural galega no mundo. Onte foi a construción dos históricos Centros Galegos; hoxe é facer unha pequena achega mediante Internet para enviar polo mundo decenas de libros coa nosa cultura…

Por iso estamos convencidos de que unha vez máis imos demostrar esa xenerosidade, esa implicación coa identidade galega e suplir os inxustos desprezos desta Xunta de Galicia que si dispón de orzamento para outros, mas que á nosa entidade lle retira a merecida condición de Centro Colaborador que nos recoñecera en 2006 unha Xunta de Galicia gobernada por xente con outro talante e outras prácticas ben distintas, e aínda por riba négalle a inscrición na nova categoría de Rede Social… precisamente á quen é a primeira rede social da nosa diáspora, e que en febreiro do 2017 cumprirá 20 anos de existencia!

Libri fratresque Gallaeciae!

Se nos queres axudar para contrarrestrar o rexeitamento da Secretaría Xeral da Emigración aos nosos proxectos culturais, abonda con que elixas unha das modalidades de mecenado. E desta volta, para conmemorar os 10 anos que está a piques de cumprir a nosa Antoloxía poética da diáspora galega, a primeira compilación lírica da Galiza exterior, imos incluír tamén recompensas físicas para moitas das persoas que axuden a enviar os libros que compoñen esta campaña:

Exemplares dos libros publicados por Fillos de Galicia

…e se queres ver a campaña en castelán: http://www.verkami.com/locale/es/projects/15845

…ou difundir polas redes sociais, coa ligazón curta
http://vkm.is/liricagastronimica

Grazas pola túa participación en forma de achega ou de difusión viral!

Como recibires os libros desta campaña desde a Diáspora?

As persoas que queiran ser beneficiarias destes envíos, sen custo para elas, poden solicitalo desde xa mesmo até o remate da campaña de financiamento colectivo, deixando unha mensaxe ao pé da páxina de solicitudes.

Libri fratresque galleciae

Esta entrada foi publicada en Fillos de Galicia, Literatura galega e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.