Amañamos un problema técnico para acceder a este blog co enderezo FillosDeGalicia.org

Hoxe vimos de detectar un problema que impedía entrar neste blog principal da nosa asociación desde o dominio http://FillosDeGalicia.org

Descoñecemos desde cándo levaba sucedendo ese erro, pero vimos de amañalo creando outro tipo de redireccionamento. Lamentamos moito os inconvenientes que producira e pregamos desculpas aos nosos membros e visitantes.

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , | Comentarios desactivados en Amañamos un problema técnico para acceder a este blog co enderezo FillosDeGalicia.org

XVIII Xunta Directiva da A.C. Fillos de Galicia

Da última asemblea xeral de socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia, celebrada entre os días 1 e 20 de decembro de 2014, resultou elexida a seguinte Xunta Directiva, que fai a número 18 da historia da nosa entidade:

  • Roberto Vicente Miguéns, presidente en funcións (presidencia ARROBA fillos PUNTO org)
  • Fernando Somoza Varela, secretario en funcións (secretaria ARROBA fillos PUNTO org)
  • Manuel Casal Lodeiro, delegado por Ames (ames ARROBA fillos PUNTO org)
  • Fernando Afonso Pazos, delegado por Biscaia (fernafonso ARROBA euskanet PUNTO net)
  • Pilar Lorenzo Borges, delegada por Uruguai.
  • Óscar Gabriel Ledesma Piñeiro, delegado no Reino Unido (gabriel ARROBA degalicia PUNTO org)

Dado que non houbo candidatos para os postos de presidencia e secretaría, continuarán os anteriores en funcións ata a celebración dunha nova asemblea na que se elixan outras persoas que cubran eses postos directivos.

Publicado en Fillos de Galicia | Comentarios desactivados en XVIII Xunta Directiva da A.C. Fillos de Galicia

Convocada asemblea xeral de socios para o 1 de decembro

logo-fillos-275x275Informamos de que o vindeiro día 1 de decembro comezará unha nova Asemblea Xeral de socios da Asociación Cultural Fillos de Galicia. Velaquí a convocatoria oficial:

Con data de 18/11/2014 convócase a XIV asemblea ordinaria de socios, que se celebrará, coma sempre, por medio de lista privada de correo electrónico, restrinxida ás persoas que teñan a condición de socios.

Comezará o día 1 de decembro de 2014 e terá como orde do día os seguintes puntos:

  1. Presentación do estado de contas e informe da xestión da actual Xunta Directiva.
  2. Votación e aprobación se procede, dos informes de contas e de xestión.
  3. Presentación de candidatos a cargos directivos.
  4. Debate sobre a situación actual da asociación e evolución prevista para o 2015.
  5. Debate e propostas sobre a nova etapa Fillos 6.0.
  6. Revisión do importe da cota de socios e dos medios de pagamento.
  7. Presentación dunha estimación de ingresos e gastos a cargo dos candidatos á Directiva.
  8. Outras cuestións presentadas polos socios.
  9. Votación para a elección da nova Directiva.

Con vistas a esta asemblea a nosa Xunta Directiva quere facer un duplo chamamento:

  1. Aos socios actuais para que colaboren para poñeren ao día o pagamento das súas cotas e así poder participar con pleno dereito nesta nova asemblea.
  2. A todos aqueles membros da comunidade virtual Fillos, simpatizantes e colaboradores interesados nas actividades da nosa asociación, para que se unan a ela como socios antes do día 1 de decembro para así poder participar con plenos dereitos nas decisións e poder presentarse a cargos directivos, facer propostas e —en definitiva— formar parte da asociación.

As persoas interesadas facerse socios deben poñerse en contacto con ames ARROBA fillos PUNTO org o antes posible, para indicarlles como faceren o pagamento da súa cota para participaren como socios nesta XIV Asemblea Xeral de socios.

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , , | 2 Comentarios

O Taboleiro de Fillos volve á vida! Inauguramos con el a nosa etapa 6.0

Hoxe temos o pracer de comunicarvos que a Comunidade Virtual de Fillos recupera o seu punto central de debate e comunicación entre os nosos case 7.000 membros: o Taboleiro, é dicir, os nosos foros de sempre.

Captura no novo Taboleiro de Fillos de GaliciaDespois dun tempo desactivados en Blogaliza (lembrade que foran integrados nos foros de Blogaliza como parte da migración efectuada en 2010 que conformou a nosa etapa Fillos 5.0), debido á perda do servizo de foros desta plataforma, decidimos restauralos pola nosa conta partindo da versión previa, é dicir da do 2010. Desta maneira recuperamos a Comunidade Virtual en si, xa que en Blogaliza nunca se chegou a recrear o grupo de usuarios, aínda que si se importaran as mensaxes e fíos nun foro específico, e polo tanto Fillos como tal rede social ficara nun limbo do que non daba saído.


Taboleiro I (1997) → Tab. II → Tab. III → Tab. IV (2005) → Taboleiro V (2010)
                                                         ↓
                                                          → Taboleiro VI (2014)

Isto quere dicir que, despois de 4 anos coa nosa Comunidade Virtual desactivada a efectos de comunicación entre os membros e debate, na que estivemos limitados aos nosos blogs, á nosa veterana lista de debate Rolda/FILLOS-L, e á nosa presenza en Facebook (que non deixou de medrar, tendo nestes momentos máis de 3.600 seguidores), hoxe por fin podemos dicir que Fillos de Galicia volve á vida, nunha nova etapa de formato máis sinxelo e clásico (foros, é dicir, Taboleiro), pero que esperamos sexa máis estable e permanente.

Tedes no propio Taboleiro un fío onde falarmos dos detalles desta restauración, no que vos convidamos a deixar a vosas impresións. Por suposto todos os antigos membros teñen o mesmo acceso, co mesmo nome e contrasinal que usaban na etapa Fillos 4.0 (ata finais de 2010), pero se non lembran o acceso mediante o propio sistema poderán recuperar o contrasinal. Tamén convidamos por suposto a todas as persoas que desde 2010 se foron achegando ás páxinas dos nosos blogs, á nosa páxina den Facebook, etc. a que se rexistren no novo Taboleiro para se converteren en membros oficiais da nosa Comunidade Virtual: agora ser usuario/a do Taboleiro será equivalente a ser membro de Fillos, xa que non haberá outro proceso de rexistro diferente. No Taboleiro atoparedes todos os temas clásicos de debate en Fillos, centrados en Galiza e tamén outros, e moitísima información que fomos xuntando durante anos alí (máis de 15.000 mensaxes!!) e que agora volve por fin estar accesible grazas aos esforzo dos nosos técnicos.

Agradecemos a paciencia infinita dos nosos milleiros de membros por esta travesía do deserto que hoxe vén rematando, e agardamos recuperar a actividade e o debate no noso Taboleiro, na nosa nova rede social Fillos 6.0, da que iremos dando novas noticias nos vindeiros días. Benvidas e benvidos de novo! 🙂

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , , , , , | 1 Comentario

Antroponimia.DeGalicia.org, o novo web para espallar os nomes galegos

Durante este mes procedimos, grazas a unha subvención da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia, a realizar máis de 100 novos envíos gratuítos do noso libriño recopilatorio de nomes galegos de muller e de home, publicado no 2012 tambén grazas á axuda da Xunta de Galicia. Este ano boa parte dos receptores foron centros galegos e outras entidades galegas da nosa diáspora, polo que a partir de agora a nosa antroponimia poderá multiplicar o seu alcance por medio das bibliotecas destes centros de España, Europa e América.

captura-web-antroponimia-degalicia-2014Como novidade, este ano aproveitamos para crear unha versión en formato web do propio libro para así non limitar a difusión dos nosos nomes aos receptores dos libros impresos, senón que calquera persoa de orixe galega no mundo ou calquera persoa interesada en coñecer a nosa antroponimia poderá facelo doadamente mediante un acceso a Internet visitando http://antroponimia.degalicia.org, o noso novo web. Neste web poderedes apreciar todos a enorme cantidade de nomes e variantes que foron recollidas e que configuran, ao noso entender, a máis completa escolma de nomes galegos e tamén galaicos, pois quixemos ollar neste libro, como xa sabedes, á nosa antroponimia prerromana, aínda agachada en moitos topónimos do noso país.

As persoas e entidades que chegárades tarde a pedirnos un exemplar do libro, podedes consultar os nomes neste web e tentalo o ano que vén, se temos a sorte de dispoñer de algo de cartos para os envíos postais do libro físico. Grazas a todos os que amosastes interese e, sobre todo, grazas a todos os que poñedes nomes galegos aos vosos fillos e fillas, sen importar en qué recanto do mundo vivades!

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , , , , | 3 Comentarios

Unha nova oportunidade para conseguir o teu libro dos Nomes Galegos!

capa-libro-nomes-galegos-2012-w200-envios2014Este ano, grazas a unha nova subvención da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, estamos procedendo a enviar máis exemplares do noso libro Nomes galegos de hoxe e de onte. Antropónimos galegos e galaicos. Os envíos son totalmente gratuítos para os receptores: non tedes que pagar nin o libro nin o envío postal. Se ti aínda non o tes, porque o ano pasado quedaches sen el, déixanos aquí unha mensaxe como comentario ao pé desta noticia, indicando en qué lugar do mundo vives (Cidade, País). Despois nós xa nos poñeremos en contacto para che pedir o enderezo completo (por privacidade pedímosche que non o poñas no comentario) e proceder ao envío.

Este ano estamos a priorizar os envíos aos centros galegos e outras entidades da nosa diáspora, pero moi probablemente imos dispoñer tamén de exemplares para enviar a algunhas persoas particulares, sempre e cando vivades na diáspora, lembrade! En calquera caso serviremos os libros por rigorosa orde de chegada das solicitudes, así que se che interesa recibir este libriño que tanto éxito está a ter desde a súa publicación, non tardes en deixar o teu comentario ao pé deste post. Agardamos as vosas mensaxes antes do día 28 de setembro, como data tope para as solicitudes.

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , , , , , | 47 Comentarios

Novos cambios nos servidores de correo

Por un novo cambio técnico nos nosos servidores de correo, podedes experimentar dificultades nos seguintes días para recoller e enviar mensaxes desde contas asociadas aos dominios de Fillos, nomeadamente fillos.org e degalicia.org.

Se así vos sucede, escribídenos desde outra conta a ames ARROBA fillos PUNTO org, aínda que iremos dando instrucións neste mesmo post. De momento, podedes aínda recoller as mensaxes do vello servidor creando unha nova conta no voso programa de correo pero mudando o enderezo do servidor POP e o SMTP por 5.9.116.45 e deixando o resto igual ca na vosa conta habitual. Tamén aínda podedes recoller e enviar correo normalmente por medio do webmail vello, co mesmo contrasinal de antes. Se algo falla, avisade.

Para reconfigurar as vosas contas de correo e usardes conexión segura (recomendada) deberedes configurar como segue:

  • Nome de Usuario: (o voso enderezo de correo)
  • Autenticación: SSL/TLS
  • Contraseña: (contraseña do email)
  • Servidor entrante: vl21323.dns-privadas.es
    • IMAP: Port 993
    • POP3: Port 995
  • Servidor saínte: vl21323.dns-privadas.es
    • SMTP: Port 465

Desculpade estes problemas, que esperemos estean de contado arranxados.

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , | Comentarios desactivados en Novos cambios nos servidores de correo

Axúdanos a espallar os nomes galegos na Diáspora!

Fillos de Galicia - Libro de antroponimia galegaHoxe puxemos en marcha unha campaña de crowdfunding na plataforma Verkami para conseguirmos os fondos necesarios para enviar o noso libro Nomes Galegos de hoxe e de onte a todas as persoas que solicitaron (e o seguen a solicitar), ou cando menos aos 50 primeiros.

Teremos 40 días para xuntar os algo máis de 300 euros que nos costará enviar o libriño, sen custo algún para os receptores, pois é de balde, a 50 persoas residentes en diversos países da nosa Diáspora.

Se ti dispós de tarxeta de crédito podes facer realidade este envío, e figurar como mecenas da cultura galega desde tan só 5 euros. Se cadra dentro de pouco algún fillo ou filla, neto ou bisneta de galegos vai levar un nome galego na Arxentina, en Venezuela, no Brasil, en Cuba ou na Suíza… e será grazas a ti! 🙂 Axúdanos neste fermoso soño para aumentarmos a presenza da nosa antroponimia e que os galegos do exterior poidan tamén coñecer esta parte da súa cultura, algo imprescindible para a mantermos viva!

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , , , , | 1 Comentario

Solicita o teu exemplar de “Nomes galegos de hoxe e de onte. Antropónimos galegos e galaicos”

Nomes galegos de hoxe e de onte. Antropónimos galegos e galaicosO ano pasado, coa axuda da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia realizamos e publicamos un pequeno pero valioso libro que recolle a maior colección de nomes galegos e muller e de home que coñezamos. Outros aspectos destacados da obra son o especial fincapé na recuperación de nomes galaicos (célticos) e as novas propostas de renovación antroponímica que inclúe.

Este libro foi creado pensando nas galegas e galegos da Diáspora, quen o recibirán de balde se acadamos a financiación precisa este ano 2013 para custearmos os envíos. Polo de agora podedes enviar a vosa solicitude para o recibirdes, e así saberemos aproximadamente cántos exemplares teremos que enviar a cada punto da nosa Diáspora.

Para apuntarte só tes que deixar un comentario ao pé desta noticia, indicando o teu nome de usuario en Fillos de Galicia. Non fai falta que deixes datos concretos do teu enderezo: abonda con que nos digas en qué país ou comunidade autónoma española resides. Tamén podes, alternativamente, enviar unha mensaxe a aprendendogalego ARROBA fillos.org

Limiar da obra

O libriño que tes entre as mans é froito do continuado interese na nosa asociación pola difusión da antroponimia galega entre todos os galegos, especialmente entre aqueles descentes de galegos interesados na cultura dos seus antergos. Pode sorprender a escasa presenza de nomes galegos entre os fillos e netos da nosa diáspora, pero se ollamos cara o propio país, veremos que tamén son minoritarios os galicianos e galicianas que levan un nome recoñeciblemente galego. Un motivo disto, entre outros, coidamos que é o descoñecemento da riqueza do noso patrimonio onomástico. Por iso quixemos publicar esta escolma —necesariamente incompleta— para achegar algo na necesaria recuperación dos nomes galegos. Pero alén dos Brais, Uxía e outros certamente de moda na actualidade, quixemos ampliar as opcións ollando cara atrás e achegando nomes pouco coñecidos, pescudando mesmo no inmenso patrimonio que nos achega a toponimia e que nos desvela o magnífico filón da antroponimia céltica galaica grazas a traballos coma os de Joaquín Caridad Arias. O noso pobo pode —do mesmo xeito que fixeron outros coma os vascos— recuperar con éxito fermosos nomes documentados no seu pasado ou tirar da súa amplísima toponimia para renovar o repertorio de nomes cos que chamarmos aos nosos fillos, tamén na Diáspora. Un descendente de galegos na Arxentina, orgulloso das súas raíces, por que non podería poñerlle a unha filla un nome galego en troques doutro de orixe anglosaxona, hebrea ou aínda máis exótica e sen ningunha relación cos seus antergos? …E o mesmo valería dicir dos galegos da Galiza!

Polo formato reducido desta obra, pensado para poder ser enviada de maneira económica a calquera lugar do mundo onde haxa un galego ou unha galega, tivemos necesariamente que deixar fóra moitos datos de cada nome. Aconsellamos ás persoas interesadas nalgún nome en concreto que acudan ás fontes que citamos na bibliografía para completar detalles sobre cada un deles. Recomendamos especialmente o magnífico Dicionario dos nomes galegos, da editorial Ir Indo, cheo de referencias a persoaxes históricas, santos, detalles etimolóxicos, diminutivos de cada nome e mesmo refráns e cantigas relacionados. A pretensión deste libriño noso non é aprofundar en cada forma onomástica, senón ofrecer un panorama o máis amplo posible. Se cadra en posteriores edicións poderemos engadir novas referencias documentadas na Idade Media e novas formas galaicas agachadas nos nosos nomes de lugar, que sabemos existen e están agardando a que as recuperemos. Animamos en calquera caso aos pais e nais a non limitarse aos nomes que aquí recollemos e a innovaren acudindo directamente aos nomes de lugares, montes ou ríos, que moitas veces son produto dun antigo nome de persoa ou dun deus, e que en calquera caso son válidas referencias per se pois da antroponimia á toponimia hai unha permanente viaxe de ida e volta ao longo da historia. Agradeceremos que nestes casos se nos envíen estes novos nomes galegos para os incluírmos en posteriores edicións e así dármosllelos a coñecer a máis familias galegas en todo o mundo.


Actualización 08/08/2013

Para axudar a custear os envíos dos libros puxemos en marcha unha campaña de captación de fondos (crowdfunding) na plataforma Verkami. Se podes achegar desde tan só 5 euros para facer posible o envío dun libro, visita a páxina da campaña e apúntate como mecenas.

Por certo, aínda que vexades que na campaña puxemos como obxectivo só 50 exemplares, imos tentar enviar moitos máis así que non deixes de anotarte ao pé desta páxina, mediante un comentario, para recibir un exemplar, sempre e cando residas fóra de Galiza. Para contribuír economicamente aos envíos, tamén o poderán facer os galegos de Galiza.

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , , , , , , | 272 Comentarios

Problemas co correo electrónico

Durante a pasada semana os correos procedentes de contas dos nosos dominios sufriron algúns problemas e é posible que os que enviárades mensaxes desde @degalicia.org ou @fillos.org recibírades algúns deles rebotados dos destinatarios con avisos diversos. Os problemas tal e como nos indican desde Saramaganta deberían xa estar solucionados, así que se foi o teu caso pregámosche que reenvíes as mensaxes que non chegaron ao destino debido a estes problemas temporais e pregamos desculpas polas molestias.

Publicado en Fillos de Galicia | Etiquetado , , , | 2 Comentarios